Burga da Rúa Real

Cuntis é coñecido polas súas augas termais xa dende a antigüidade. A cultura romana, que soubo apreciar as calidades das burgas e das augas minerais, deixou mostras da súa filosofía por estas terras, e así o testemuñan os numerosos achados arqueolóxicos daquel tempo, o que nos fai ver a Cuntis como un antigo centro termal romano.

Na actualidade, xunto coa Toxa e Mondariz, Cuntis pódese considerar un referente no termalismo de Galiza. Son numerosos os mananciais que manan do seu subsolo a diferentes temperaturas que van dos 18° ao 59°, e con variadas propiedades terapéuticas. Delas sérvese o balneario "Os Forniños" para aliviar as doenzas de tipo reumático, respiratorio e incluso cutáneo. No referente á súa composición química, están cualificadas como "augas minerais medicinais Sulfurado-Sódicas-Termais".

A Burga Lume de Deus brota na praza de Galiza a 59° e é empregada polos veciños polas súas propiedades medicinais, como tamén a burga Rúa Real, na Rúa do Balneario que ten unha temperatura de 53°. Para uso cutáneo recoméndase a Fontiña do Castro, localizada no Parque das Candelas.

Burga da Praza de Galiza

Co obxecto de tomar os baños curativos e relaxantes pasaron por estas terras persoas relevantes da cultura galega como Rosalía de Castro, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Ramón Cabanillas, Antonio Rei Soto... así como milleiros de persoas anónimas que buscaron o alivio das súas doenzas e momentos de descanso.

A comezos do século XIX creouse -mercé da filantropía de D. Pedro María Cisneros de Castro, II Conde de Ximonde- unha fundación hospitalaria que facilitaba que aquelas persoas que non puidesen pagar os baños fixesen uso das augas. Esta magnificencia do conde debeuse á curación que estas augas cuntienses lle dera para os seus males. Ademais o filántropo mandou construír en 1807 unhas mellores instalacións para a antiga casa de baños:

"En esta villa de los Baños de Cuntis hubo desde antiguo un baño mineral caliente, cuya propiedad perteneció siempre a la yglesia de esta parroquia. En el año de 1807 don Pedro Ma. de Cisneros, Conde de Gimonde, mandó construir en aquel punto una casa de capacidad y hacer los baños para hombres y mugeres gastando un buen capital en obsequio a la Virgen Santisima (...) Los productos de este baño que pagaban, voluntariamente, los ricos se echaban en un cepillo, del cual tenía una llave el parroco como patrono, y otra el Juez de la antigua Jurisdición como interventor. Y que en el se hallaba se entregaba al fabriquero de la yglesia después de satisfechos los bañeros, de cuyas cantidades se formaba cargo respectivamente en las cuentas según resulta del libro correspondiente, que no dejaban de ascender un año con otro de dos cientos reales".
Interior Balneario

Co tempo, a fundación hospitalaria trasladaríase á que hoxe é a actual Casa da Cultura cuntiense, de aí que este edificio sexa coñecido popularmente co nome do Hospitalillo.

Hai moitas historias ao redor da capacidade terapéutica destas augas. Temos por exemplo o caso de Benito Alvariño, empresario ferrolán que chegou a Cuntis prostrado nunha cadeira de rodas e, ao se curar grazas ao poder medicinal destas augas, en gratitude, todos os anos, polo mes de setembro, realizábase unha sesión de cine -totalmente de balde- para todos os nenos e nenas de Cuntis e a contorna. Alvariño, aproveitaba ese evento, para agasallar a cada neno con lápices, zapatillas, cadernos...

Cuntis forma parte, dentro da "Federación Española de Municipios y Provincias", da sección de concellos con augas minerais e termais.

 
 

 
Aviso legal || O Concello || Contactar||Créditos
Todos os dereitos reservados 2008 ©