Diversas especies caducifolias xorden nas beiras dos cauces fluviais, proporcionando dende antigo, algunhas delas, madeira para usos domésticos e industriais e fixando nitróxeno aos solos. Salgueiros (Salix vimialis, S. alba, S. atrocinerea, S. salvifolia), ameneiros (Alnus glutinosa), bidueiros (especialmente Betula alba), abeleiras (Corylus avellana), freixos (Fraxinus excelsior e F. angustifolia), valdebas (Clematis vitalba), saltasebes (Tamus communis), fentas reais (Osmunda regalis), pés de boi (Oenanthe crocata), hedras (Hedera helix), matas de lúpulo (Humulus lupulus) e, como non, as omnipresentes silvas (Rubus sp.) son excelentes testemuños desta diversidade.

Tamén perviven no concello boas mostras de carballeiras (Quercus robur) -como a do Dezaoito en Troáns, a de Ducío en Arcos ou as do Casal e Vilameán en Estacas-, que acadan o seu clímax cando se dá a presenza do rusco (Ruscus aculeatus) e do acibro (Ilex aquifolium).


Son estes os hábitats axeitados para atopar algún dos exemplares dun curioso endemismo do noroeste da Península: a píntega galega (Chioglossa lusitanica), distinta da pinta ou píntega común (Salamandra s.), da que contamos, así mesmo, cunha subespecie propia para o país galego (a Salamandra s. gallaica). Entre os batracios tamén abundan a ra vermella (Rana temporaria) e a ra patilonga (Rana iberica).

Entre a fauna anfibia e reptiliana, cómpre facer mención a tres especies de limpafontes (Triturus boscai, T. marmoratus e T. helveticus) e a ra de Santo Antón (Hyla arborea), das que se téñen albiscado varias nas lagoas de Zoo. Dentro dos réptiles serpean polas nosas paraxes as inofensivas cóbregas sapeiras (Natrix maura) e as de colar (Natrix n.), a víbora galega (Vipera seoanei) e o agresivo cobregón (Malpolon monspessulanus).


No tocante ás aves, aniñan gran número de paseriformes: os ferreiriños bacachís (Parus caeruleus), cristado (Parus cristatus) e común (Parus ater) ou as maceirudas (Parus major). No verán, e mesmo por maio, chega o ouriolo (Oriolus o.), comunmente denominado polos/as veciños/as de Cuntis como mingoloro, e como heraldos do bo tempo e do cambio de estación podemos escoitar os cucos (Cuculus canorus).

Martiño Peixeiro

Vencellados á auga temos os martiños peixeiros ou picapeixes (Alcedo atthis), as garzas (Ardea cinerea), os merlos rieiros (Cinclus c.), os alavancos (Anas platyrhynchos), os biluricos (Tringa hypoleuca) e as lavandeiras branca (Motacilla alba) e real (Motacilla cinerea).

Nos cursos medio e alto do Umia aínda sobrevive unha das últimas poboacións mundiais do mexillón de río (Margaritifera m.), que comparte acubillo con algunhas londras (Lutra l.). Existen numerosos exemplares de porcos bravos (Sus scrofa), de teixugos (Meles m.), raposos (Vulpes v.) e algún que outro lobo (Canis lupus signatus), que se teñen percibido polos montes de Arcos, Cuntis e Cequeril, así como polas abas do monte Xesteiras. Nas zonas máis elevadas pódese observar algunha lebre (Lepus granatensis) e varias familias de aguia cobreira (Circaetus gallicus).

Non está de máis mencionar a presenza, aínda que escasa, de corzos (Capreolus c.) e morcegos (dos xéneros Myotis, Pipistrellus e Rhinolophus).

Ra de Santo Antón
Alavanco Real
Miñato

 
Aviso legal || O Concello || Contactar||Créditos
Todos os dereitos reservados 2008 ©