Lavadoiro termal

Os lavadoiros municipais localizados no casco histórico teñen a particularidade de utilizar tanto auga quente e termal, que gorgolexa a 59°C, como auga a temperatura ambiente. Situados nun edificio de pedra de cantería, con teitume de tella e armazón de madeira, resgarda cinco píos de auga termal e seis de auga fría.

Temos constancia de que xa polo S. XVIII, concretamente en 1756, estes lavadoiros, daquela constituídos por un único pío -grande e comunal-, se aproveitaban do manancial Lume de Deus. Logo, polo 1829, unha comisión veciñal acorda realizar novas obras para mellorar a humilde instalación. Así as cousas, o mestre de cantería, Antón da Pena, autorizado polos veciños, encana auga termal da devandita fonte e constrúe un pío de oito cuartas de longo e catro lavadoiros individuais, todos feitos en pedra do país.

Lavadoiro fluvial


Na actualidade este emprazamento non se emprega apenas para o uso tradicional pero si, cun obxectivo de valorización do inmóbel, para expoñer diversas mostras didácticas da nosa historia local.

Nas beiras do río Gallo -ao seu paso pola vila e resistindo ao tempo e á forza da auga- construíronse diversos lavadoiros de pedra, provistos a maior parte deles de escaleiras para alcanzar o nivel do río e con varios mazadoiros para refregar as prendas de roupa. Hainos grandes e pequenos, con recintos de pedra labrados na finca do particular -que resgardaban ás lavandeiras das correntes- ou no propio cauce do río: uns con fermosos arcos de pedra e outros unicamente cunha pequena entrada que conflúe nunhas escaleiras.

Muiño do Portosalto

Cuntis conta con diversos muíños espallados por todas as freguesías e pola maior parte dos seus lugares. As muiñadas véñense a realizar nesta xeografía dende tempo inmemorial como testemuñan diversos documentos, como aquel relacionado co mosteiro de Couselo, con data de 1391, polo cal se lles obriga a certos foreiros deste cenobio a construíren un muíño no lugar de Constenla.

Na actualidade o muíño da Casiña, o do Portosalto ou o de Vilar de Mato continúan a facer fariña ao ritmo do sarillo e coa forza da auga. Outros, como os muíños da Pena de Arriba, o de Lopes en Troáns, o do Rato en Arcos de Furcos ou os de Magán, Portela ou A Patela son espectadores mudos dunha historia xa contada que cumpriría relembrar.

"O muíño moe, moe;
o muíño moe, inda que coroe
a artesa a fariña, o piorno o gran;
o muíño moe, porque a fame roe
cando non hai pan"

(G. Álvarez Limeses)

Cruceiro da
Igrexa de Estacas

Cuntis, como as terras de Montes e Moraña, leva a fama de ser unha xeografía de moitos e bos mestres da pedra, a maior parte deles anónimos.

Dentro das obras realizadas polos pedreiros cuntienses están as cruces procesionais, aquelas polas que discorrían os cadáveres cara a igrexa parroquial ou o camposanto; os viacrucis, como o de Estacas; ou cruceiros tan espectaculares como o do cemiterio de Arcos de Furcos. Deste diremos que é un dos máis fermosos e antigos do concello, que ten todo o seu fuste historiado con diversas figuriñas e motivos relixiosos relacionados coa paixón e morte de Xesús Cristo. Poderíase datar no S. XVII, aínda que hai quen o considera como unha obra da centuria anterior.

Cruceiro de Roque

O cruceiro do cemiterio de Cuntis, que até comezos do S. XX estivo ergueito na Praza do Ferrol é unha peza barroca de finais do S. XVII, antigamente policromada, na que máis aló da crucifixión de Cristo e a Virxe das Angustias, aparece un San Pedro termando as chaves do Paraíso coas súas mans.

No lugar do Campo, ao carón da igrexa parroquial e do pazo abacial de Troáns, un cruceiro de fuste octogonal e de enorme altura, obra da primeira metade do S. XVIII, convida ao visitante a contemplar o espazo etnográfico que conforma xunto cunha fermosa fonte, unhas escaleiras de pedra e uns lavadoiros públicos.

O cruceiro de Roque, localizado na rúa Bernardo Sagasta, no centro urbano da vila,  ten no seu fuste a imaxe dun San Roque que amosa as chagas dun dos seus xeonllos e vestido coa indumentaria característica dos peregrinos. Ademais do Cristo e da Virxe existen diversos motivos na base deste monumento popular: catro caveiras distribuídas polos vértices desta pedra, varios ósos cruzados e algunha píntega; símbolos da morte, da peste e das enfermidades e da paixón de Xesús Cristo.

Cruceiro de Magán


Como exemplo dos petos de ánimas temos o da capela do Santo Ildefonso en Troáns ou o do cruceiro do convento de San Bieito de Pereira, no que os motivos máis salientábeis deste último son a Sagrada Familia, o Espírito Santo, varios anxiños (querubíns e serafíns) e cinco ánimas purgando as súas faltas. No entanto, o peto máis destacábel a teor do seu labor artístico e dos motivos que reproduce na súa escultura, é o da Virxe de Monserrat no lugar da Casiña, ao carón dunha fonte e lavadoiros públicos. Até hoxe continúa a tradición de depositaren no seu interior froitos do campo -patacas sobre todo- para asegurar unha colleita abondosa e de calidade.

 

 

Click aquí para ver o mapa ampliado.

 

Pombal do Pazo Abacial de Estacas

Dentro do noso territorio, e comezando cos pombais, son de destacar os da casa dos Carballo, no lugar de Arcos de Arriba (Arcos de Furcos), o do pazo abacial de Estacas, -localizado nunha esquina do curral do pazo, de planta rectangular, cuberta a catro augas e Cume coroado cunha cruz de Santiago-, e os de Garrido e da casa reitoral de Cuntis, ambos no centro da vila.

Pombal do Pazo Abacial de Estacas

O maior hórreo do concello, confeccionado con granito e madeira, está localizado diante dunha enorme eira de mallar no pazo abacial de Estacas. Na actualidade conta con 7 claros e máis de 17 metros de longo, porén, outrora, seica posuíu o dobre da súa lonxitude. Podemos contemplar, así mesmo, numerosos hórreos espallados polas freguesías cuntienses, aínda que sobresaen, alén do xa citado, os de Cequeril (edificados de forma máis artística) e Arcos de Furcos (nesta última parroquia concretamente os de Arcos de Arriba).

A ampla difusión do hórreo nas terras de Cuntis fai que existan poucas graneiras, que se concentran fundamentalmente na zona de Magán (na freguesía de Estacas), debido quizais á influencia das terras limítrofes do Concello de Valga, onde hai numerosas construcións deste tipo.

Enlace relacionado
Pazo Abacial de Estacas

Click aquí para ver o mapa ampliado.

Panteóns do cemiterio de Cequeril

Cómpre atender ó xeito maxistral no que os nosos canteiros traballaron a pedra para elaborar de forma artística as sepulturas -románticas amais de modernistas- do camposanto de Cequeril. Así mesmo non desmerecen as de San Mamede de Piñeiro, algunhas de Santa Baia da Portela e as de Estacas. Neste último cemiterio, panteóns con varios nichos construídos a comezos do S. XX e finais do XIX ofrecen mortuorias de gran interese polo labor artesanal e gremial.

Entrada cemiterio subterráneo de Arcos


De todos os camposantos de Cuntis destaca pola singularidade do recinto o de San Breixo de Arcos de Furcos. Multitude de lápidas e panteóns son tipo modernistas e hainos incluso anteriores a esta época; porén, un cemiterio subterráneo a modo de cripta esperta a curiosidade dos visitantes. Aproveitando o desnivel do terreo, enfronte á fachada da igrexa parroquial, varios recintos subterráneos, deseñados a partir de corredores, agochan as cinzas de numerosas xeracións de antepasados. Os máis grandes ofrecen acubillo a panteóns de diversas familias, pero hainos tamén pertencentes a unha única casa, polo que non poden ser visitados durante todo o ano, só se abren en casos excepcionais, como no "Día de Defuntos". Estas "catacumbas", como popularmente as teñen denominado os veciños da freguesía, albergan nichos de comezos do S. XX, mais temos comprobado que hai sepulturas do século anterior, e incluso a tradición popular conta que existiron outras criptas anteriores a estas.


Lavadoiros termais e fluviais
Muíños
Cruceiros e petos de ánimas
Hórreos e pombais
Cemiterios


 
Aviso legal || O Concello || Contactar||Créditos
Todos os dereitos reservados 2008 ©