A Casa grande dos Castro

É a Casa Grande dos Castro unha das arquitecturas señoriais máis importantes do núcleo urbano cuntiense. Localizada ao carón da igrexa parroquial, nun dos lados que conforma a cuadrangular Praza da Árbores, serve esta antiga morada fidalga de Casa da Cultura municipal e leva o nome dun dos fillos ilustres de Cuntis, Roberto Blanco Torres.

Labra Heráldica dos Castro

A edificación sufriu numerosos cambios estruturais, como así o demostran as cicatrices marcadas na pedra. No século XVII xa estaba en pé, no entanto será a finais do XVIII cando se acometan as obras que lle outorgarán maior fermosura aos seus muros e á fachada principal. Conta cunha altiva cheminea, grandes "ventás de aire", un amplo balcón e dúas exuberantes pedras armeiras.

Desta casa descende D. Pedro Antonio Cerviño Núñez de la Fuente (un dos pais da "Nación" arxentina) e nela residiron D. Xoán da Fonte (notario e familiar do Santo Oficio da Inquisición do Reino de Galiza), D. Vicente Xosé de Castro Lira e Lavandeira (avogado da Real Audiencia do Reino de Galiza e Deputado nas Cortes de Cádiz) e Da. Carme Baliñas de Castro (fundadora do convento feminino de S. Bieito de Pereira, ás aforas da vila do Baño).

Casa Reitoral de Cuntis

A reitoral de Santa María Cuntis, austero e opulento fogar do clero parroquial, sufriu profundas modificacións durante a súa historia mercé das diversas concepcións estéticas imperantes. Xa sabemos da súa existencia no século XVI, aínda que os cambios estruturais máis significativos se poderían datar entre a transición do barroco ao neoclasicismo, estilo este último que é o máis predominante. Antigamente posuíu una vetusta e enorme cheminea comparábel en tamaño a aquelas que decoran outras reitorais cuntienses, a de Troáns e a de Estacas. Na actualidade podemos contemplar un robusto edificio de dúas plantas con fermosas escaleiras interiores e labra heráldica depositada nos seus xardíns. Esta pedra armeira, de finais do S. XVII, ten esculpidos os heraldos característicos, aínda que de xeito simplificado, das liñaxes dos Castro,

Labra Heráldica da Casa Reitoral de Cuntis


Núñez e Da Fonte, ademais da espada e cruz floreteada características do Santo Oficio da Inquisición.

Desta mansión eclesiástica diría o cuntiense Roberto Blanco Torres: "(...) Recuerdo la antigua Rectoral con sus paredes gruesas de cuadros de piedra áspera, inconexa y abultada (...), morada señorial donde se reunen en sagrado concilio curas eminentes, capellanes cultos, sacerdotes de erudición y teólogos: allí  donde la paz ambiente parece rimar un poema de silencio augusto, de severa quietud (...)".

 

 

 

Casa do Agrobó

A casa do Agrobó, situada no centro urbano da vila, é un edificio fidalgo que destaca pola súa situación, no Cume dun outeiro localizado ao carón da N-640, e tamén pola súa arquitectura: construción fundamentalmente barroca, portalón coroado por dúas ameas e unha cruz, gran balcón, recinto amurallado, importante cheminea... Na actualidade non conserva labras heráldicas e hai xa bastantes anos que foi modificada a súa lonxitude -e por extensión as estruturas primitivas- para construír, ao seu carón, outro edificio de aspecto máis contemporáneo.

Casa Grande da
rúa do Cruceiro

Na rúa Bernardo Sagasta, antano chamada do "Cruzeiro", érguese unha casa de dimensións considerábeis, altiva cheminea con decoración propia das casas fidalgas,  cunha "peineta" e caniños ou aliviadoiros de pedra para as augas pluviais e un espazo que se destinou -ou polo menos así se pretendeu facer- para esculpir unha pedra armeira. Importantes muros cercan a propiedade, cun ceador nun deses valados -o que dá á rúa- que bén nos podería recordar aquelas escenas nocturnas, ou das tardes de verán, nas que a burguesía conversaba sobre cuestións cotiás ou problemas sociais.

Casa Grande da
rúa do Cruceiro


Está cercada tamén na súa parte posterior pola beira do río Gallo, cunha muralla non tan alta pero rematada con dúas inmensas columnas de pedra que soportan cadansúa bóla labrada en granito do país.

Poderiamos datar esta edificación no século XVIII -aínda que a fachada principal sería do XIX-.

Pazo Abacial de Troáns

Localizado ao carón do templo parroquial, o pazo abacial de Troáns conta con máis de catrocentos cincuenta metros cadrados por planta e cunha fachada principal que destaca por enriba das demais. Unhas belidas escaleiras barrocas balaustradas do S. XVIII asígnanlle maior singularidade a todo o edificio, xunto coas dúas espectaculares chemineas -de diferente tipoloxía e tamaño- que alongan cara ao alto as xa importantes dimensións deste edificio.

Entre as construcións auxiliares destacan o pombal e o hórreo -que outrora tivo maiores dimensións-. Posúe, así mesmo, unha fermosa fonte e un estanque. Todas as propiedades cercadas conforman unha importante facenda abacial, un espazo de lenda e de opulencia con pedras gastadas polos anos e o paso dos ventos.

Cheminea
Pazo Abacial de Tróans


Esta nobre arquitectura poderíase enmarcar no solpor da arte barroca, no declive do S. XVIII, porén, ao igual que acontece coa de Estacas, quizais neste predio existiu un edificio anterior, basta só comprobar os rabuños que fican nos lenzos de pedra.

Nas súas inmediacións, no lugar do Campo, atopamos un fermoso conxunto etnográfico, onde unha fonte de pedra e uns lavadoiros crean unha pequena paisaxe, na que resalta un cruceiro barroco de manifesta beleza e de tamaño considerábel.

Restos da Quinta do Areal

Na freguesía de Troáns, nas proximidades da Hervés, non moi lonxe do río Umia e localizado no lugar do Areal, ergueuse unha casa grande ou pousa cun bo número de propiedades rústicas e fermosos xardíns. Ligada a esta construción estivo sempre a ponte do Areal, hoxe baixo as augas do encoro da Baxe, e ao redor da cal existen lendas que aínda fan máis mítica esa xeografía.

Sabemos da existencia da casa no S. XVIII, mais un dos maiores esplendores teríao no XIX, cando nela residiu eventualmente D. Antón María de Valenzuela, destacado home de ciencia na Galiza decimonónica e pai de D. Ramón de Valenzuela Carbajales, responsábel de traer cara ao lugar da Anllada a capela do S. Ramón.

Na actualidade consérvanse tan só ruínas, dous impoñentes portalóns e o recordo de símbolos heráldicos que campaban nas súas fachadas, algún deles termado por unha fabulosa serea de pedra.

Enlace relacionado
Capela do San Ramón da Anllada

Pazo Abacial de Estacas

A reitoral de San Fins de Estacas presenta un tamaño desmesurado, que nola fai cualificar como de pazo abacial. Neste fogar o crego da parroquia víase como a persoa máis importante da mesma, símbolo físico do poder eclesiástico e señorial, do control das almas e dos petos das persoas da contorna.

A facenda, que está toda ela amurallada, alberga un hórreo de 7 claros, aínda que antano foi maior, unha eira de mallar, un pombal de planta rectangular levantado nun dos vértices do cerrume e unha espadana coa súa campá. A muralla conserva aínda varias ameas que decoran algún dos seus tramos e que lle asignan ao conxunto características de edificio nobre.

Pazo Abacial de Estacas

O edificio principal, con planta en C, conta con dúas alturas e cun estilizado tellado polo que rube a monumental cheminea, ergueita entre o solpor do renacemento e o abrente do barroco. No seu interior atopamos unha escaleira barroca (1766) e dúas lareiras de dimensións proporcionais ás da casa. Pero tamén existen recintos ocultos e algún pasadizo secreto que comunica o andar inferior -por medio dun corredor moi estreito- cun lúgubre espazo ao que os veciños adoitan chamar o "Inferniño" e que identifican cos antigos cárceres desta mansión.

Hórreo
Pazo Abacial de Estacas

Gravada na lareira do andar nobre unha inscrición asegura que se construíu en 1613, data que posiblemente faga alusión unicamente á lareira e cheminea, posto que con anterioridade a casa reitoral xa existía, como así o demostra a súa vetusta estrutura, o espesor dos seus muros, os libros de fábrica e a microtoponimia do contorno próximo. Deste xeito poderiamos considerar que no S. XVI o pazo abacial xa era unha realidade, porén as súas orixes talvez se sitúan na idade media, cando importantes cabaleiros e fidalgos administraron esta e outras parroquias, cando belixerantes señores feudais precisaron dun lugar de morada -acorde á súa clase social- no que residir cando se dirixisen a esta freguesía co obxecto de reafirmar o seu poder ou recoller as rendas.

Casa Grande da Eira

Este fogar fidalgo, amurallado e ao que se entra por un portalón ameado, localízase na freguesía de Cequeril, nunha xeografía de montaña. Conta cun xardín de árbores centenarias, un par de hórreos e amplas cortes para os cabalos. Poderíase datar entre finais do S. XVII e comezos do XVIII e posúe unhas fermosas escaleiras exteriores que rematan nun patín, un antigo reloxo de sol, e un par de labras heráldicas. A que preside a fachada principal caracterízase polo seu arcaísmo e por ser totalmente atípica, e nela representáronse, entre outras, as armerías dos Barros-Alemparte. Na segunda pedra heráldica, fincada na fachada do nacente, aparecen esculpidos os mobles característicos dos Murga (liñaxe procedente das terras de Euskadi).

Nesta casa, como dato anecdótico, dicir que se escribiu un libro fundamental da arqueoloxía galega, o Corpus Petroglyphorum Gallaeciae (Seminario de Estudos Galegos 1935) da autoría de Ramón Sobrino Buhigas.


Click aquí para ver o mapa ampliado.

 


A Casa Grande dos Castro
"O Hospitalillo"
A Casa Reitoral de Cuntis
A Casa do Agrobó
A Casa Grande da rúa do Cruceiro
O Pazo Abacial de Troáns
A Quinta do Areal
O Pazo Abacial de Estacas
A Casa Grande da Eira


 
Aviso legal || O Concello || Contactar||Créditos
Todos os dereitos reservados 2008 ©